Menu Close

Ascensos do Rotogal Boiro e Arenal Emevé á SM1 e Liga Iberdrola

A finalización das competicións de Superliga Masculina e Liga Iberdrola, acordadas entre os clubs que as compoñían e a RFEVB e ratificadas posteriormente pola Comisión Delegada, deixaban no aire cuestións técnicas e colaterais propias das competicións que onte quedaron resoltas.

Ditas resolucións deixan a dous equipos galegos de novo na máxima categoría do voleibol nacional despois de grandes temporadas que se viron freadas pola irrupción do COVID-19.

Na Superliga Masculina, aprobouse a configuración de 14 equipos para a próxima campaña, ao non descender ningún equipo e certificar o ascenso dos primeiros clasificados de cada grupo da Superliga 2, segundo estaba a clasificación no momento de darse por finalizada a competición. Estes equipos son o Barça Voleibol e o Rotogal Boiro Voleibol, que logra por primeira vez na súa historia o ascenso á primeira categoría do voleibol nacional.

No caso da Superliga Feminina (Liga Iberdrola) quedará con 12 equipos, ao aprobarse o descenso dos dous últimos equipos no momento de darse por finalizada a competición (CV Barça e CV San Cugat) e o ascenso do primeiro clasificado de cada grupo da Superliga­ 2 segundo estaba a clasificación no momento de darse por finalizada a competición, sendo o CV Vall D’ Hebrón e as lucenses do Arenal Emevé, que volven á liga Iberdrola despois dunha traballada temporada.

Estes ascensos reforzan a presenza do Volei Galego na elite do noso deporte en España, deixando á Superliga Masculina con dous equipos ( Rotogal Boiro e Arenal Emevé) e recuperando a un na liga Iberdrola (Arenal Emevé), demostrando así o bo momento da modalidade de pista na nosa CCAA .

Desde a FGVb queremos felicitar a ambos os equipos polo ascenso, desexándolle toda a nosa sorte e apoio na próxima campaña.

Pode consultar o comunicado 10 da RFEVB no seguinte enlace.