Menu Close

Autos Cancela Zalaeta campión da XXXVII edición da Copa Galicia Feminina.

Os catro mellores equipos femininos da pasada temporada citáronse en Santiago de Compostela este sábado para disputar a Final da XXXVII edición da Copa Galicia. Nela, o Autos Cancela Zalaeta conseguiu o título de campión feminino tras unha gran competición.

A festa do voleibol feminino, que se levou a cabo no Pavillón Municipal do Restollal, comezou ás 10 da mañá coa celebración da primeira semifinal entre o Arenal Emevé e o CV Korbis. As lucenses gañaron por 3-0 (25-12/25-13/25-19) ás monfortinas, que loitaron con todas as súas forzas pero que non puideron coa potencia ofensiva dos seus rivais.

Na segunda semifinal, que enfrontou ao Autos Cancela Zalaeta e ao CV Bruxas, as coruñesas impuxéronse ás de Ames cun enganoso 3-1 ( 25-18 / 25-17 L / 23-25 / 25-23 ) xa que as de Bertamiráns apuraron cada punto coma se fose o último.

A continuación da competición coa quenda de tarde comezou coa disputa do terceiro e cuarto posto. O CV Korbis caeu ante un gran CV Bruxas nun partido que tamén se resolveu en tres sets (25-9 / 25-20 / 25-22).

Na final, o Arenal Emevé, último campión do torneo, caeu contra as coruñesas, que levaron o trofeo cun 3-0 , sen dar opción aos seus adversarios (25-16 25-23 e 25-15) e diante de unhas 300 persoas que acudiron ao PM do Restollal.

As 20:30 horas, e como peche do evento, o Concelleiro local de Movilidade, Seguridade Cidadá e Festas Gonzalo Muiños, o Presidente da Federación Galega de Voleibol Jose Ángel Luna e a presidenta do CV Santiago Marga Marzoa entregaron os trofeos aos participantes, pechando a cerimonia cunha foto grupal.