Menu Close

Emevé e Voleibol Dumbría, novos Campións Galegos Alevíns

O pasado sábado 25 de maio celebrouse en A coruña, co CV Calasancias como anfitrión, o Campionato Galego Alevín, no que resultaron vencedores Emevé e Voleibol Dumbría no apartado feminino e masculino respectivamente.

No pavillón do colexio, os máis cativos disfrutaron dende primeira hora da mañá dunha xornada de volei e diversión que, tras a fase de grupos, chegou na tarde ao seu momento decisivo coas primeiras eliminatorias.

Na categoría feminina foron especialmente igualados os pases a semifinais entre Liceo La Paz e Escolapios, que tiveron que desempatar (25-18/20-25/16-14), e entre Dompa Volei e Ribeira Sacra, que se decidiu en dous sets, pero moi axustados no marcador (27-25/26-24).

Xa nas semifinais, o Emevé desfacíase do Liceo en dous asaltos claros (25-9/25-10) para conseguir ese primeiro billete á gran final na que o acompañaría o Calasancias Coruña, tras vencer a un CV Ribeira Sacra que foi de menos a máis (25-14/25-23).

Entre as medallas, a primeira en decidirse, coma sempre, foi o bronce. Tanto CV Liceo La Paz como CV Ribeira Sacra deron o mellor de sí no campo para subir ao podio e o resultado foi un encontro moi axustado que se decidiu no desempate e pola mínima a favor das coruñesas (25-23/19-25/15-13).

E se a consolación foi emocionante, a gran final non defraudou. As anfitrionas do Calasancias Coruña comezaron adiantándose 19 a 25, pero o Emevé reaccionou para seguir con opcións 25 a 18. Quedaba todo a decidir nun vibrante tie break que se resolveu nos últimos tantos para as lucenses 16 a 14.

No torneo masculino, o gran dominador desta edición foi o Voleibol Dumbría, que rematou a competición sen ceder un solo set e arrebatou o título na final ao campión do pasado ano o Jealsa Boiro Voleibol.

Chegadas as eliminatorias, Dumbría e Boiro agardaban rivais para as semifinais, a decidir entre Aldebarán San Sadurniño e Calasancias e Emevé e Santa María del Mar.

A primeira praza foi cuberta polo Aldebarán, que superou aos locais do Calasancias en dous sets (25-12/25-23) e a segunda polo Santa María del Mar Blanco, que venceu noutros tantos ao Emevé e os deixou fóra da loita polo podio (25-12/25-23).

Os partidos por unha praza na final foron claros: o Dumbría superou con solvencia ao Aldebarán san Sadurniño en dous sets (25-14/25-8) e o Jealsa Boiro Voleibol fixo o propio ante o Santa María del Mar Blanco (25-17/25-16).

O bronce xogado a continuación sería o máis disputado, xa que tras un primeiro paso adiante do Aldebarán 25 a 19, os coruñeses contestarían co 18-25 do segundo para forzar o desempate. O tie break foi igualadísimo, e tan só dous puntos concederon finalmente a medalla aos de San Sadurniño, 15 a 13.

Algo máis clara foi a final masculina, na que o Voleibol Dumbría confirmouse como gran dominador do torneo tras vencer aos seus rivais polo título do Jealsa Boiro Voleibol en dous parciais de idéntico marcador, 25 a 16.

Tras as finais tivo lugar a entrega de premios na que estiveron presentes D. José Ángel Luna, Presidente da FGVb; D. Joseba Pajuelo, Presidente do CD Padre Faustino; e D. J. Ramón Baña Secretario Xeral da FGVb. Ademais das medallas, entregáronse os trofeos a Mellor Xogador/a do torneo, que recaeron en Thiago Fernádez do Manuela Rial Voleibol Dumbría e Uxía Cela, do Emevé.

Os finalistas poderán participar nos Campionatos de España Alevíns que terán lugar en Valladolid do 21 ao 23 de xuño.