Menu Close

Éxito da XIII Copa Príncipe en Dumbría

Esta fin de semana, coa celebración da  XIII edición de Copa Príncipe en O  Conco, os catro mellores equipos de  SM2 batéronse en duelo para coroar ao campión na final do domingo. Os catro participantes, dous galegos e dous cataláns, chegaban con todo a Dumbría, quizá como a antesala do que podería ser unha futura fase de ascenso a  SM1.

Unha vez máis o  Concello de Dumbría foi referencia do mellor voleibol, levando a organización dun evento de primeiro nivel no que houbo máis de 1000 asistentes durante toda a fin de semana. Desde a  FGVb felicitamos tanto ao  Concello como ao Club  Volei Dumbría polo  éxitoso desenvolvemento do mesmo, e agradecémoslles todo o esforzo realizado.

Ás 17 horas do sábado tivo lugar a primeira semifinal, que enfrontaba ao  Rotogal Boiro e ao  FCB  Volei,  e que se decantou por estes últimos, que sufriron ao ter que remontar o primeiro set e deixando o marcador nun 3-1 final (25-20, 16-25, 22-25, 27-29).

A xornada continuou coa celebración do segundo partido da tarde e que poñía cara a cara ao anfitrión, o Dumbría  Volei, contra o o Club Voleibol Sant  Pere i Sant  Pau. Os tarraconenses tamén gañaron a pesar de perder o primeiro set, acabando cun marcador final de 1-3  (25-20/21-25/24-26/17-25).

Coa chegada do domingo tivo lugar a final entre os conxuntos cataláns. Un gran  FCB  Volei despregou todo o seu potencial ofensivo e non deu opción ao  SPiSP, que saíu derrotado en tres sets por 25-16 / 25-23 e 25-19.

O colocador Sergi  Arranz, colocador do  FCB, recibiu o premio ao mellor xogador do torneo das mans do Presidente da  FGVb Jose Ángel Luna.