Menu Close

Fin das Superligas 2 e cancelación dos CESA

A RFEVB comunicou esta semana novidades sobre distintas competicións relacionadas co voleibol nacional. As decisións, que xa se tiveron en conta como posibles nun primeiro comunicado, fixéronse oficiais nos últimos días a través das súas diferentes canles de comunicación.

Despois de anunciar a semana pasada a finalización das competicións de Superliga e Liga Iberdrola, este luns e a través dun comunicado oficial a Comisión Executiva Permanente da RFEVB aprobou “Dar por finalizadas as competicións de Superliga-2 masculina e Superliga-2 feminina, con efectos a partir do día 18 de marzo de 2020, pospoñendo a definición das cuestións técnicas e colaterais que poidan xurdir como consecuencia desta decisión (ascensos, descensos, clasificación, outros efectos posibles, etc.) para que sexan resoltas polo órgano competente da RFEVB no momento adecuado”.

Esta medida, dirixida a que tanto técnicos, clubs, como xogadores poidan resolver o seu futuro inmediato, foi cursada aos 48 clubs e apoiada por case o 92% deles, obtendo un resultado de 44 votos a favor, 1 en contra e 3 abstencións.

Do mesmo xeito, esta semana tamén se fixo oficial a través dun comunicado da RFEVB a suspensión da celebración de todos os Campionatos de España en Idade Escolar por Seleccións Autonómicas do ano 2020, convocados polo Consello Superior de Deportes.

Con esta resolución, e como parte destas medidas extraordinarias que se están tomando nas últimas semanas, os CESA das categorías Infantil e Cadete de Voleibol ( programado para o 25/28-06-2020 en Valladolid) e Vólei Praia (09/12-07-2020 en Lorca) , tampouco poderán disputarse debido ao avance e evolución do COVID-19.