Menu Close

Gran actuación do Volei Galego antes do parón de Nadal en competicións nacionais.

O parón de Nadal 2019-2020 deixa ao  Volei Galego nun moi digno lugar nas diferentes competicións nacionais. Facemos un repaso da actualidade deportiva nestas categorías cando estamos a piques de rematar o ano.

En  SM1 o Arenal  Emevé conseguiu unha clasificación histórica para a Copa do Rey  que se celebrará do 7 ao 9 de febreiro en Palma de Mallorca. Tras unha gran primeira volta na que conseguiron 18 puntos, os lucenses actualmente atópanse na cuarta praza da clasificación.

Na categoría de prata feminina, a  SF2, a escuadra feminina de Lugo segue intratable e encabeza a táboa clasificatoria avantaxando nun punto ao seu rival máis próximo ao perder un único partido no que vai de competición e participando na próxima Princesa.

Pola súa banda, o Autos Cancela Zalaeta da Coruña colócase na sexta praza. As do Barrio das Flores queren repetir a xesta do ano pasado, ao participar no  playoff de ascenso a  SF1.

En  SM2,  Rotogal Boiro Voleibol continúa á fronte da clasificación. Os boirenses seguen sen perder esta temporada tras vencer a un gran Voleibol Dumbría o pasado día 7 nun emocionante duelo de invictos en A Cachada. Os de Dumbría, tan só a un punto do líder, seguen brillando e perseguen ao seu rival sen descanso.  Ambos loitarán pola Copa Príncipe do 11 de xaneiro, celebrada en Dumbría.

O Club Vigo Voleibol, situado nunha meritoria cuarta praza, e o  Instasa San Sadurniño, na oitava, seguen buscando ascender nunha táboa cada vez máis cara. Completan a participación dos equipos galegos en  SM2 o Calasancias CV e CV  Bruxas, que loitan pola permanencia con todo nesta esixente competición e que aínda non dixeron a última palabra.

No Grupo A de a Primeira División Feminina, o Aceites Abril  CVO atópase nunha loable quinta praza que lle sitúa como candidato ao  playoff. Por último, o CV  Bruxas, colocado na décima posición, loitará con todo para escalar posicións ata o final de liga.