Menu Close

O Arenal Emevé listo para a Copa do Rey

Despois de que o equipo senior feminino participase o pasado mes de xaneiro na Copa Princesa, os de Diego Taboada enfrontaranse aos mellores equipos da SM1 co obxectivo de avanzar no torneo do KO.

Os lucenses terán como primeiro rival ao Ushuaia Ibiza no partido que abrirá a competición este venres ás 17:30. O resto de encontros estarán repartidos ao longo do venres e sábado, quedando a final fixada para o domingo ás 17:00 no Palau Municipal d’ Esports Son Moix de Palma de Mallorca.

A FGVb tivo a oportunidade de falar co seu adestrador Diego Taboada antes da súa partida, ademais de co seu capitán Mario Dovale. Ambos nos deixaron as súas impresións sobre o torneo e o que significa esta participación dos galegos nunha proba tan disputada que reúne aos mellores equipos do voleibol nacional masculino.

“ É unha competición moi bonita de xogar e moi complicada xa que só acceden seis equipos. Nós imos coa ilusión de ser a primeira vez que participamos e preparamos o primeiro partido de forma que poidamos facerlle fronte a Ibiza e pasar de rolda. Sabemos que é moi complicado, son un dos rivais máis difíciles da liga e teñen un gran plantel, pero xa lles gañamos 3-2 na casa e sabemos que podemos facerlles dano. De ser así tentaremos desfrutar do seguinte encontro contra Unicaja en semifinais” comentou o técnico.

“ O equipo atópase nun momento anímico moi bo, debido a que vimos de dúas vitorias consecutivas en liga. A esta Copa imos coa mentalidade de desfrutar e vivir unha experiencia que será moi bonita pero tamén de plantarlle cara aos equipos que teñamos enfronte. O rival deste venres é un conxunto moi forte, fixeron grandes fichaxes estranxeiras e hai pouco que se reforzaron con outra incorporación dun gran xogador español, ademais chegan tamén en moi bo momento. Nós imos saír a pola vitoria sen perder a cabeza. O equipo leva traballando desde setembro moi duro e competicións como esta son unha recompensa ao esforzo e á dedicación. Traballaremos todos xuntos partido a partido para chegar o máis lonxe posible pero tamén gozando do bonito que é xogar unha Copa do Rey “ expresou o capitán dos de Lugo.