Menu Close

O Volei Galego da a benvida ao Xabaríns Volei Lugo

Un grupo de mozos e mozas da cidade lucense aproveitou a pandemia para darlle forma a unha idea que lles viña rondando a cabeza durante un tempo. Falamos con Pedro Val, Presidente do Xabaríns Volei Lugo, para que nos conte sobre esta nova aventura que suma un integrante máis na familia do Volei Galego.

Como xurdeu a idea de fundar o club?

A idea xurdíu a principios deste ano, éramos oito rapaces e rapazas os cales demandábamos poder facer o deporte que amábamos, pero tíñamos claro que queríamos algo autoxestionado e popular, onde a xente que se unise tivese implicación directa no clube e recibise un trato familiar. A cuarentena axudounos, aínda que pareza irónico, a decidirnos a dar ese gran paso. Ao final somos un grupo de vinteañeiros que está a intentar crear algo diferente, iniciativa xove que lle chaman ao fin e ao cabo.


Que categorías abrangue o club?

O clube nesta temporada 2020/2021 terá senior masculino. A idea era comezar dende o deporte escolar, vemos clave aos centros de ensinanza como o primeiro paso para que os nenos e nenas se acheguen a este fermoso deporte. De feito xa tíñamos falado con varios colexios da cidade pero polo tema da COVID-19 está parado. Para as próxima temporada xa estamos traballando para ter senior feminino e a longo prazo gustaríanos contar cun equipo Máster, Lugo ten moita xente xa retirada que lle encantaría ter as suas horas semanais para facer este deporte pero a día de hoxe elles imposíbel porque non hai espazos dispoñibles. É unha pena porque noutros países estas categorías están moito máis a orde do día.

Cal é o proxecto? Que esperades conseguir?

Temos varios. Crecer dende unha forma autoxestionada, transparente e familiar cas persoas que conforman o clube é un básico para nós. Queremos apostar tamén polo deporte escolar, e polo deporte Máster como dixemos antes. Sabemos que é complexo pero pensamos que é unha fenda que ten nos últimos anos a cidade. Non sei se será polas poucas instalacións dispoñibles para a práctica do voleibol ou porque ninguén lle da un pulo a estas categorías, mais vémolas pouco a pouco esmorecer. Tamén queremos apostar polo volei praia, o cal está esquecido ao ser unha cidade de interior, pero o exemplo do que fixo Ourense tamén nos mara un camiño a medio longo prazo. O que queremos é que a xente xogue a este deporte con todas as idades, dende os 5 aos 70, non queremos que teñan que deixar de xogar aos 18 porque xa están queimados ou directamente non teñen equipo, é algo que se queremos que este deporte resista non o podemos permitir. Crecer pouco a pouco e dunha forma sostibél, asemblearia e popular, en resumidas contas.


Quen vos axudou a poñer en marcha o proxecto?

Como dicía antes somos un clube autoxestionado, mais isto sen a axuda de Germán do Cidade de Lugo de Baloncesto,sen a sua axuda ao mellor non daríamos ese paso tan grande. Toda a axuda veunos ben,máis a súa foi moi importante.


Queredes agradecer a algunha persoa ou institución en particular?

Primeiro de todo as 89 persoas que se fixeron socias nas 3 semanas que nos durou a campaña de socios. Como agradecemento levaremos os nomes de cada un de eles e elas nas camisetas de xogo. É un xesto que pensamos que era necesario facer. Tamén quero agradecer o incondicional traballo de Mery Seijas, a cal é a diseñadora de todo o que temos, escudo, camisolas e publicacións nas redes sociais e a Arantxa Carricoba a cal dirixíu, gravou e montou o vídeo da nosa campaña de socios. Sen elas seríanos moi difícil conseguir chegar ata eiquí. Tamén agradecer a todos os patrocinios privados os cales déronnos o seu apoio en momentos economicamente moi duros. E por último as nosas fisioterapeutas Belén Díaz e Zaida Novo , vannos ser de gran axuda nesta priemira tempada do clube.


Unha mensaxe para o Volei Galego

Primeiro de todo, grazas pola benvida que nos déchedes. Ser un clube novo e levado por mocidade nunca é sinxelo e incluso da algo de vertixe, mais temos claro que creamos isto para quedarnos moitos anos. Queremos facer crecer este deporte e poder renovalo a partir de ideas novas e rexeneradoras que non se viron, polo menos nos últimos anos, no voleibol galego. Esperamos axudar en todo o que poidamos e vémonos nas pistas. Graciñas!

DATOS DE CONTACTO:

  • INSTAGRAM: @xabarinsvolei
  • FACEBOOK: Xabaríns Volei Lugo
  • Correo: xabarinsvoleilugo@gmail.com
  • Teléfono:607454858