Menu Close

A competición autonómica de Volei Galego volve ás pistas o próximo 6 de marzo.

Dende a Federación Galega de Voleibol enviouse hoxe aos clubes a nova Circular 2/2021, do 16 de febreiro de 2021, na que se informa do novo calendario de competición autonómico tras a publicación da nova ORDE do 15 de febreiro de 2021 onde se explican os cambios relacionados ca práctica deportiva federada. Dito calendario recolle case tres semanas de adestramentos previas á fin de semana do 06/03/2021, na que reiniciarán as competicións autonómicas.

O Volei Galego, primeiro deporte colectivo galego en volver á competición o pasado 17 de outubro grazas a un seguimento escrupuloso do seu protocolo FISICOVID DXT Galego por parte de todos os seus compoñentes, viuse obrigado a deter a súa actividade o día 19 de xaneiro seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

Despois de prever situacións desta índole na planificación da temporada 20-21, grazas á comunicación entre os clubes do Volei Galego e a Federación na XXXIV Asemblea Xeral do 12 de setembro celebrada en Santiago de Compostela e na que se recolleron cambios tanto nas normas xerais coma nas normas específicas adaptados á pandemia, os xogadores e xogadoras do noso voleibol poderán volver a competir  en 18 días dende a autorización da Xunta de Galicia, deixando case tres semanas de adestramento para retomar o ritmo de competición.

Agradecemos a paciencia de todos os nosos xogadores/as, técnicos/as, directivos/as e árbitros/as durante este parón competitivo, e recordámoslle a obrigación de seguir sendo responsables cos protocolos fixados para continuar demostrando que o Volei Galego é un deporte seguro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar