Menu Close

A Xunta habilita un formulario en liña para que os equipos desprazados a Galicia de modalidades que impliquen contacto comuniquen os seus datos

A Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de habilitar un espazo web dedicado á información requirida aos equipos e deportistas que se despracen a Galicia para competicións deportivas oficiais non profesionais.

Deste xeito, todos os equipos e deportistas procedentes doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participar en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal que poidan implicar contacto, poderán cubrir o formulario en liña e envialo directamente desde este novo espazo web á Secretaría Xeral para o Deporte, sen necesidade de descargalo ou remitilo por correo. Do mesmo xeito tamén se pode descargar o modelo de declaración responsable na que se declare que todos os membros da expedición realizaron a proba de detección da COVID-19 e que debe ser xuntada no propio formulario.

Todos os membros da expedición dos equipos e deportistas deberán realizar test serolóxicos ou probas similares e comunicar ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e hora de chegada á Comunidade Autónoma galega, o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección da COVID-19 á que fosen sometidas ditas persoas. Cómpre lembrar que os test deben realizarse no lugar de orixe da expedición polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba, partido ou competición.

A Xunta de Galicia, a través da Orde do 30 de setembro de 2020, acordou que os equipos e deportistas galegos que participen nas competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto, deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar test serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais. Do mesmo xeito estableceu que, a totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedentes doutras comunidades autónomas que se despracen a Galicia para participar nas ditas competicións deberán realizar test serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición. Asemade, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.Imaxes relacionadas

Máis info premendo a seguinte ligazón.

(fonte: Xunta de Galicia)