Menu Close

Comunicado oficial sobre os Campionatos Galegos de Base.

A Federación Galega de Voleibol, despois de valorar diferentes opcións para que os nosos pequenos puidesen practicar o voleibol con seguridade, decidiu dar un paso adiante como xa fixera co comezo da temporada 20-21 e presentar un formato de competición axeitado ás circunstancias que estamos a vivir.

A proba que se realizará este domingo día 2 en Narón supón un exercicio de valentía e de esforzo a nivel organizativo sen precedentes pola nosa parte, ao reunir a case 60 equipos, preto de 300 xogadores e xogadoras cos seus respectivos técnicos/as e nun contexto no que debemos de ter a máxima precaución posible, non podéndose comparar con outras edicións de anos anteriores pola pandemia ca que actualmente loitamos.

Co único obxectivo de que os nosos xogadores e xogadoras máis novos poidan desfrutar do Volei Galego, decidiuse levar a cabo esta nova competición cun protocolo especificamente deseñado para ela, con acceso restrinxido unicamente a participantes e ao aire libre, debido a que actualmente ningún concello da nosa comunidade habilita a posibilidade de reunir a tantas persoas nun recinto pechado .

Deste xeito está previsto que cada equipo xogue un mínimo de tres partidos e un máximo de cinco, reducindo a exposición dos participantes levando o campionato a un formato de quendas de mañá e tarde e sen limitar a inscrición de equipos pola nosa parte, algo impensable tan só uns meses atrás.

Agora mesmo ningunha federación está a asumir unha responsabilidade coma esta, polo que pedimos comprensión e paciencia a todos os implicados nesta nova iniciativa, sempre estando abertos a propostas de mellora por parte de todos, pero entendendo que estas circunstancias especiais limitan gran parte da organización e do desenvolvemento das probas, polo que vos solicitamos que teñades empatía e intentedes optimizar o rendemento dos obxectivos do club en función do contexto no que nos atopamos.

Agradecemos a boa vontade de todos vos de antemán, agardando que sexa unha data que nos acerque un pouquiño máis a recuperar o funcionamento normal da nosa competición, algo que desexamos tanto como vos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar