Menu Close

Entrevista a Patricia González, presidenta do Club Volei Praia Milenio Ourense

Continuando o ciclo de entrevistas da FGVb, contactamos ca Presidenta do club ourensán para que nos conte como foi esta atípica pero exitosa tempada de verán, na que o Club Volei Praia Milenio Ourense colleitou triunfos en probas celebradas por toda España.

  • Que é o CVPMO? Que significa formar parte del?

O Club Volei Praia Milenio Ourense é un clube creado na cidade de Ourense para fomentar o volei praia dende os máis pequenos ata os máis maiores, puidendo levar o nome da cidade tanto por Galicia como por toda España.  Formar parte del significa querer formar parte dun clube onde traballar é o noso día a día e onde os esforzos e a ilusión son os que realmente valen a pena.

  • Como afectou ao clube e aos deportistas esta crise sanitaria? Que medidas de seguridade estades a tomar nas competicións e nos adestramentos?

A crise sanitaria supoño que afectou ao clube e aos seus integrantes como ao resto de deportistas, con moita rabia de non poder competir ao nivel doutros anos, organizar torneos na cidade, adestrar tanto como se quería,… Isto ademais afecta económicamente ao clube porque canto menos se compite e se organiza, a menos axudas se pode optar. 

O clube no comezo do verán intentou plantexar a posibilidade de organizar algunha proba no último mes do verán pero definitivamente o mellor era non arriscar a saúde de todos porque a pandemia non ía ir a menos. Puideron organizarse adestramentos tanto da base como das maiores cos protocolos de protección de desinfección de balóns, as mans co xel hidroalcoholico e a medición da temperatura.

  • Como valorades os múltiples éxitos conseguidos nesta temporada?

Os múltiples éxitos acadados este verán recibímolos con moita ilusión e moi agradecidos a todos os xogadores do clube que a pesar de todas as trabas que foron xurdindo, adestraron e competiron nas poucas probas que se puideron organizar en ámbito nacional.

  • A parella masculina dos irmáns Monfort completou unha gran temporada, nada sorprendidos polos resultados, ou si?

Os irmáns Monfort dende o primeiro momento que se incorporaron ao noso clube deron o seu 100%, xa que só fai falta botar a vista atrás á tempada pasada para observar todos os triunfos que trouxeron o clube. Certo é que aínda que pode parecer que non sorprende, este ano presentábase moi complicado para todos, os deportistas levaban moito sen poder adestrar ao máximo pero novamente os irmáns Monfort fixéronse co dominio do verán.

  • No apartado feminino, Nuria tamén conseguiu moi bos resultados cas diferentes parellas cas que competiu tanto en Madrid como Barcelona.

Si, no apartado feminino Nuria Bouza tampouco deixou atrás os bos resultados que outras tempadas conseguía. Novamente a pandemia non foi quen de frear o seu traballo e esforzo e aínda de non xogar sempre coa mesma parella, que ao final dificulta o desenvolvemento do torneo, fíxose con grandes resultados que dende o clube valoramos moito.

  • Queda algunha proba no calendario? Que obxectivos se marcan dende o clube para elas?

Agora mesmo tras a final de Cambrils do circuito Catalán e da final de Madrid que foron os dous circuitos máis activos durante este verán, as nosas parellas deixaron de competir, algunhas seguen adestrando e outras comezaron a súa pretempada de pista. Sempre temos a posibilidade de ter representación en certas probas de inverno, pero todo dependerá da evolución da pandemia, que parece que se presenta complicada para os próximos meses. En función disto e de que se poida levar a cabo algún torneo máis, seguiremos competindo ou tocará esperar.

  • Como afectou ao clube a recente cancelación por parte da RFEVB dos Campionatos de España de Volei Praia?

A cancelación dos Campionatos de Volei Praia de España e da celebración do circuito do Madison afectou ao clube de forma que os nosos integrantes que loitaban contra os problemas de adestrar para poder competir, ían quedarse sen esa posibilidade de demostrar que o seu esforzo estaba valendo a pena, pero certamente, tal e como nos atopabamos en canto a pandemia, era moi complicado que se celebrasen certas probas pola saúde de todos. Ademais implicou que económicamente deixásemos atrás algún patrocinio.

  • A organización do Circuito Oira Sousas de Inverno, tamén pendente sa evolución da pandemia supoñemos.

Si, o Circuito Oira Sousas de Inverno non creo que poida ter algunha que outra proba neste ano porque xa están a presentarse moitos problemas no comezo das tempadas en todos os deportes e aínda por riba a enfermidade do covid non presenta unha evolución moi favorable e ou comezamos a ser todos máis responsables cos nosos actos ou penso que acabaremos sen moitas máis cousas e o deporte ao final e algo bastante importante na vida de moitas persoas, non soamente unha afección.

  • Cal é o futuro do CVPMO?

O futuro do clube ven a ser o mesmo que se plantexa dende o seu comezo, seguir traballando para que o volei praia vaia tendo máis peso como deporte e seguir formando e axudando a todo aquel que queira formar parte del.