Menu Close

Máis de 300 deportistas na gran festa do Volei Galego de Base en Narón

Este domingo día 2 no Campo de Futbol de Trasancos (Narón), máis de 300 nenos e nenas volveron a competir ao voleibol nun evento que marcará un antes e un despois no deporte galego da nova normalidade.

Tras un parón de máis dun ano, curiosamente sendo a última destas probas tamén en Narón, os Campionatos Galegos de Base retomaron o seu funcionamento nunha iniciativa pioneira para o deporte base en Galicia despois da pandemia, celebrando un evento que nos achegou a vivir as sensacións previas á mesma.

Establecendo un protocolo específico para a competición, cun  acceso telemático restrinxido para xogadores no que se medía a temperatura e se desinfectaban as mans, utilizando de xeito obrigatorio a mascarilla e ao aire libre, os xogadores e xogadoras prebenxamín, benxamín e alevín galegos/as tiveron un día de voleibol no que se disputaron 94 partidos entre os 55 equipos asistentes de toda Galicia.

O evento comezou cas categorías prebenxamín e alevín feminino as 10:00 da mañán ata as 2:30 da tarde, retomando a competición ás 15:45 para seguir co alevín masculino e benxamín feminino ata as 20:00 horas nunha xornada moi completa e na que os resultados foron o de menos.

Grazas á colaboración do Concello de Narón, o Club Narón-Volea Voleibol e á boa vontade de todos os clubs participantes, a competición púidose levar con toda a normalidade que permiten as restricións sanitarias, celebrando un evento que nos achega un pouco máis a retomar as nosas competicións tal e como as coñecíamos e alegrando aos nosos/as pequenos/as nunha data que tiñan marcada no seu calendario dende fai moito tempo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar