Menu Close

Nomeados 4 galegos na nova Xunta Directiva da RFEVB

O Presidente da Real Federación Española de Voleibol, D. Agustín Martín Santos, fixo oficial estes días os nomeamentos dos membros da nova Xunta Directiva para o seu sexto mandato consecutivo no máximo organismo do voleibol nacional.

Despois de ser recentemente reelixido nas eleccións con máis participación da historia da RFEVB, que tiveron lugar o pasado mes de decembro en Madrid, D. Agustín Martín Santos reforza así a súa confianza no voleibol galego, incrementando a súa representación con catro membros da nosa comunidade, un fito sen precedentes e que premia o esforzo e o gran traballo que están a desempeñar clubs e directivos en Galicia.

Así foron nomeados Dna. María Concepción Bouza Betríu (Presidenta do Club Emevé de Lugo), D. Uxío García Lamas (Presidente do Club Aldebarán de San Sadurniño) e Dna. Patricia González Fernández (Presidenta do Club Voley Playa Milenio Ourense) como vogais da Xunta Directiva da RFEVB para os próximos catro anos.

Do mesmo xeito, o actual Presidente da Federación Galega de Voleibol, D. José Angel Luna Bargo, foi nomeado como novo Vicepresidente da RFEVB, o que completa un equipo con máis acento galego que nunca no órgano de goberno da federación nacional.

O noso volei pasa a ter así unha gran presenza na cúpula da RFEVB, aportando experiencia na xestión deportiva e participando activamente na toma de decisións sobre o voleibol nacional, velando polo seu correcto desenvolvemento tanto na modalidade de pista como na de praia.

Dende a Federación Galega de Voleibol queremos felicitar a todos/as os/as novos/as nomeados/as e desexarlle a mellor das sortes nas súa labor ao fronte do voleibol español.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar