Menu Close

O Volei Galego, un ano máis nas Superligas.

Despois do remate das fases regulares da Superliga Masculina e Liga Iberdrola, os equipos galegos que esta campaña disputaron as súas competicións nas máximas categorías do voleibol nacional seguirán un ano máis nas mesmas, nunha temporada especialmente complicada debido á incidencia da pandemia.

As loitadoras do Arenal Emevé certificaron a falta dunha xornada a súa permanencia na Liga Iberdrola, quedando na novena posición dunha táboa na que se vendeu cada punto como se fose o último. As lucenses dirixidas por José Valle estarán de novo na élite despois de volver este ano á categoría, demostrando así que chegaron para quedarse grazas a unha traballada tempada.

O Rotogal Boiro Voleibol puxo o broche a unha temporada histórica, a primeira na máxima categoría. Os de Emilio Palacio, nunha campaña na que tamén disputaron a Copa do Rei o pasado mes de xaneiro, seguirán na Superliga Masculina despois de rematar nunha máis que meritoria novena posición e mostrando un voleibol sólido na pista ao longo de toda a súa participación.

Por último, o Arenal Emevé estará nos playoffs da SM tras vencer aos de Boiro na última xornada da fase regular na Cachada. Os de Diego Taboada remontaron un partido que certificou a oitava praza, asegurando así a súa presencia nas eliminatorias polo título e que lles enfrentará nun complicado encontro ao campión da fase regular, o CV Guaguas, esta mesma fin de semana.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar