Menu Close

Xuvenil Teis e Calasancias Voleibol Campións Galegos Senior

Despois da disputa de todas as categorías galegas, os Senior tiñan a súa competición marcada para esta fin de semana do 12 e 13 de xuño como broche das Fases Finais desta tempada 20/21. Con sede en Monforte e Ourense, os 8 mellores equipos Senior disputaron as súas competicións ao longo de sábado e domingo.

No pavillón de A Pinguela tivo lugar o Campionato Feminino, que comezou ca primeira das Semifinais entre o CD Korbis e o CV Santiago, nun encontro no que as locais pasaron á Final gañando por 3 sets a 0. O Xuvenil Teis presentou a súa candidatura ao título, vencendo no segundo partido do día ao Dompa Volei, e pechando así as prazas da Final.

Xa na quenda da tarde as da capital de Galicia conseguiron a medalla de bronce cun 3-1 ante as ourensás, e dando paso a unha final que se levaría o equipo vigués do Xuvenil Teis con gran efectividade por 3-1 ante as anfitrionas, ca xogadora Natalia Marín nomeada como MVP da final.

O Pompeo acolleu un día despois o Campionato Senior Masculino. Asesores VilaCastro e Xiria Volei abriron o torneo, cos locais remontando o primeiro set e situándose na Final por 3-1. CV Vigo e Calasancias Voleibol loitaron polo segundo posto no derradeiro partido do día, decantándose polos de Coruña cun 3-0.

A medalla de bronce conseguiuna o Xiria Volei no partido das 17, e a tarde avanzou ata unha gran Final na que o Calasancias Voleibol gañou por 0-3 a un Asesores VilaCastro que botou o resto en cada punto, sendo o premio ao xogador máis valioso para Pablo Allegue.

Con este partido rematarían unhas Fases Finais moi competidas e con gran éxito organizativo, polo que a Federación Galega de Voleibol quere agradecer a todos os clubs, xogadores/as e adestradores/as que participaron así coma a Gadis, empresa patrocinadora, xa que a través destas competicións demostrouse o bo momento que está a vivir o Volei Galego.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Mais info

aceptar